• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

DE NINGHURES: «FACEMOS MÚSICA CON CONCIENCIA E CONSCIENCIA GALEGA, COS PÉS CHANTADOS NO PAÍS E OS BRAZOS ABERTOS AO QUE VEÑA»

DE NINGHURES: «FACEMOS MÚSICA CON CONCIENCIA E CONSCIENCIA GALEGA, COS PÉS CHANTADOS NO PAÍS E OS BRAZOS ABERTOS AO QUE VEÑA»
31 OUTUBRO 2022

Daquela «amizade a primeira vista» nunha foliada pasaron cinco anos; cinco anos nos que estes sete músicos galegos pasaron de tocar en festas populares a facelo en festivais e a gravar o seu primeiro traballo de estudio. Aldara Palmeiro, Hadrián García, Marta Álvarez, Manuel Lucas, Manuel Fernández, Adrián Méndez e Tomé Mouriño son De Ninghures, banda de novo folk galego que nace coa intención de compartir o seu xeito de manter con vida a música tradicional en tempos de globalización.

Logo duns anos na procura de sons e sensacións, De Ninghures debuta con Aquí (2022), unha coidada selección de 11 temas tanto de composición propia como de arranxos sobre melodías de pezas tradicionais, con influencias de músicas do mundo, desde merengue ata rock do deserto.

 

Foto © Manuel Lucas Mariño

 

A primeira vez que escoitamos a (sona) De Ninghures foi na Foliada de Melide 2018. Como xurdiu a xuntanza?

Hadrián García: «Pois todo comezou na Foliada da Fonsagrada no 2017 onde algúns de nós participamos con dúas formacións distintas e acabamos tocando todos xuntos. Desa xuntanza entre a Sona de Berghantiños e os De Ningures xorde a (Sona) de Ninghures que logo derivaría en De Ninghures».

Aldara Palmeiro: «Aquel día da foliada alucinei coa xente de Carballo e da Fonsagrada que están hoxe no grupo. Eu levaba pouco tempo no mundo das foliadas e velos tocar e bailar daquel xeito é algo que probablemente nunca esqueza. Semanas máis tarde puxémonos en contacto uns cos outros e decidimos xuntarnos para tocar na Foliada de Melide».

Marta Álvarez: A verdade é que creo que o noso foi amizade a primeira vista! Só nos fixo falta unha foliada para querer andalas todas, e a mellor maneira foi xuntándonos».

 

Por certo, sendo galegos que fan música de raíz, dá a sensación de que o voso grupo si vén dalgún lado. Entón, por que De Ninghures? De onde sae o nome?

Aldara: «No grupo hai xente de Compostela, da Fonsagrada e de Carballo, así que nos facía gracia dicir que non eramos de ningún lado. O dos ensaios xa non era tan gracioso...».

Marta: «E iso que chegamos a ser 14 no grupo, con máis localizacións! Rianxo e Baralla tamén formaban parte daquel “ninghures” ao que facía referencia o nome».

Hadrián: «Hai que dicir que demos protagonismo ás variedades da lingua engadíndolle o dígrafo da gheada, aínda co risco de que logo saian mil versións do noso nome e todas elas sen ese /gh/».

 

Ao longo destes catro anos pasastes de tocar en foliadas a subir ás táboas de festivais e gravar un disco. Diriades que, malia ir tendo públicos máis amplos, De Ninghures segue a ter esa tan característica esencia «fresca»?

Marta: «Realmente non é o feito de tocar en foliadas ou en escenarios o que máis nos importa, senón o que facemos en si. Tentamos buscar algo novo en cada tema que arranxamos, e quizais iso é o que nós etiquetamos como “fresco”».

Aldara: «Tocar nas foliadas implica que o baile sexa protagonista nos arranxos dos temas, e é algo no que pensamos moito cando facemos música.

Esa esencia “fresca” penso que vén de ser xente nova que escoita música de diferentes estilos e se deixa influenciar (in)voluntariamente por estilos máis actuais, que a priori non teñen moito que ver co folk galego. Ao final, nós tamén escoitamos Muse, Rosalía ou Bad Bunny».

 

 

Xente nova desfrutando da música tradicional nun mundo cheo de influencias cada vez máis globalizadas... cal diriades que é a filosofía de De Ninghures como grupo?

Hadrián: «De Ninghures é fillo do seu tempo. Estamos a vivir un momento onde, malia parecer que todo se globaliza e unifica, a cultura de raíz consegue adaptarse aos novos tempos, ser un elemento diferencial e, sobre todo, seguir viva».

Marta: «Si, realmente eu penso que a nosa principal filosofía é manter esa música, xogar con ela, e, sobre todo, desfrutar dela. Non deixa de ser algo noso polo que, inevitablemente, sentimos a necesidade de coidalo e ensinarllo á xente que nos rodea».

De feito, sempre que levamos un amigo ou familiar a unha foliada ou concerto deste estilo, todo o mundo repite!».

Aldara: «Mesmo aquelas persoas que nada teñen que ver co mundo tradicional acaban enganchándose ao baile, á música e ás festas máis nosas. Poderiamos dicir que se nos dá ben “enganchar” á xente nova a estes ambientes».

 

Autodefinídesvos como «banda de novo folk galego», con que máis estilos vos sentides identificados?

Aldara: «Músicas do mundo podería encaixar bastante ben. Ao final, no noso álbum atopas un tango, un merengue, unha chacarera, un 7/8... Ritmos e estilos que son raíz noutras partes do mundo».

Hadrián: «A orixe tamén é novidade, polo que a propia música tradicional, as pezas dos vellos gaiteiros e o que escoitamos en cada ruada á que imos soa tamén neste disco».

 

De Ninghures no Festigal. Foto © Breogán Martínez Gómez

 

E, se falamos de influencias, a quen sinalariades?

Aldara: «Musicalmente falando, eu inspírome moito nos d’Abaixo, A Banda das Crechas, Caldo, Berrogüetto, Guadi, Fuxan os Ventos... Aínda que tamén hai outros artistas dos que podo coller ideas, esas diría que son as influencias principais de De Ninghures».

Hadrián: «Na parte que me toca, que é o clarinete, miro moito cara aos cuartetos tradicionais, como os Queixas de Ordes. Obviamente, grupos referentes do folk galego como Cuarteto Caramuxo ou Tiruleque, mais tamén destaco os bretóns Fleuves, Ossian, Taouk Trio e algunha influencia dos Balcáns, como o albanés Thoma Loli».

 

Nestes últimos tempos escoitamos proxectos como Baiuca, crnds ou Tanxugueiras, artistas e grupos que basean as súas composicións nos cantares tradicionais e os mesturan con estilos contemporáneos, como a electrónica. Que pensades desta «renovación» da nosa música?

Hadrián: «Esta “renovación” é necesaria e natural. A música tradicional leva adaptándose séculos aos novos contextos culturais e atopando o seu espazo, chegando deste xeito a públicos moi variados».

Aldara: «Quizais no noso caso a mestura co electrónico non é tan evidente, pero tamén se pode escoitar nalgún momento un baixo propio do rock ou filtros de frecuencias. En calquera caso, estamos totalmente a favor dese cambio nas nosas músicastradicionais: somos fans de calquera deses artistazos!».

Marta: «En esencia esa tamén é a nosa premisa. No noso disco tentamos mostrar influencias e mesturas con outras ramas ou estilos musicais, pero en todas as pezas existe un compoñente tradicional do que parten».

 

En De Ninghures escoitamos instrumentos moi variados. É así de variada a vosa formación musical individual? Que diferencias pensades que achega a un músico unha formación de conservatorio e unha de asociación cultural ou similar?

Hadrián: «A orixe e os camiños poden ser variados, mais o destino é común. No noso grupo atopamos distintas vías de aproximarnos á música patrimonial, pero todos acabamos chegando a ela, ben sexa desde a transmisión interxeracional ou os que lle caeu un bo día un disco de Fuxan os Ventos, Milladoiro ou Berrogüetto nas mans».

Aldara: «Provir de diferentes formacións non fixo outra cousa senón enriquecer o proxecto. Eu, que veño do conservatorio, hai veces que me atranco con algo ao que lle atopa solución Hadrián nun minuto, cuxa formación está ligada ás asociacións culturais; e viceversa tamén pasa (espero!)».

 

De Ninghures no Festigal. Foto © Breogán Martínez Gómez

 

Un deses instrumentos é o peitoque. Como o descubristes?

Aldara: «O peitoque é un instrumento de percusión que patentou o artesán e amigo Sito Carracedo. Presentóunolo Manu, o guitarrista, e acabamos tendo moito trato con el: tocamos moitas veces xuntos, imos polo seu taller, axústanos os peitoques para que soen ben... Para que os fagades unha idea, o seu ton de chamada é a nosa canción “Ézaro”».

Marta: «Tamén Manu toca no grupo a viola caipira, un instrumento de orixe brasileira cunha sonoridade moi alegre e aberta. Viulla por primeira vez ao mestre Sérgio Tannus e a Xan Fuertes, compoñente de Fuxan os Ventos. Desde hai uns anos encárgase de tropicalizar os nosos temas».

Hadrián: «Falando de tropicalidade, na percusión deste disco incluímos uns bongós para naturalizar os merengues e tamén cruzamos de novo o atlántico usando o bodhrán, un tambor de orixe irlandesa».

 

Logo de tanto tempo compartindo a vosa música por foliadas, ruadas e polavilas, estades a presentar o voso álbum debut, Aquí (2022). Ademais de por petición popular, como xurdiu a idea deste primeiro disco?

Marta: «A verdade é que despois de dous anos de pandemia, sen apenas vernos e tocar xuntos, non queriamos que todo o que levabamos andado quedase esquecido. Pensamos que a mellor maneira de facelo era gravar un disco».

Hadrián: «Tamén viamos na xente que había ansias de materializar todos os sons que rularamos por aí e quedou moi patente nas redes cando publicamos “Ézaro” [versión] #QuedaNaCasa».

Aldara: «Animámonos con “Ézaro”, si, pero realmente tiñamos moitas ganas de facer a nosa pequena achega á cultura galega a través da música, ensinando o noso xeito de entender a música tradicional nos días que vivimos».

 

 

Para facer dun soño unha realidade, abristes unha campaña de micromecenado en Verkami; campaña que acadou a metade do obxectivo proposto antes das primeiras 48 horas. Esperabades tremenda acollida ou colleuvos por sorpresa? Repetiriades experiencia?

Hadrián: «A verdade é que nos sorprendeu e, á vez, púxonos moi contentas o feito de que moitas desas achegas fosen de amizades que nos queren ben, mais tamén doutra xente que decidiu apostar polo proxecto sen coñecelo de antemán».

Aldara: «Dábanos ata vertixe ver a difusión que tivo a campaña nas primeiras horas; foi totalmente inesperado. Andamos estes días preparando as recompensas e enviamos un CD a Washington!».

Marta: «Pero é certo que sería bo que iniciativas musicais deste estilo tivesen apoio institucional máis sólido e non dependan da “caridade” da xente, aínda que o apoio sentiuse moito máis así!».

 

O disco presenta pezas de composición propia e outras do repertorio popular arranxadas por vós mesmos. Tendo en conta que sodes sete persoas para opinar, como abordades o proceso de composición, arranxo ou adaptación? Repartídesvos funcións?

Marta: «Sempre tentamos que todo o mundo estea de acordo, pero, obviamente, hai momentos nos que unha persoa leva un pouco máis de peso ca o resto. Normalmente alguén propón un tema, traballamos todos xuntos nel e tentamos chegar a algo en común».

Hadrián: «Moitas veces é un traballo en cadea, desde os que propoñen temas que foron atopando nalgunha recollida e que logo pasan por moitos barutos e puntos de vista ata dar como resultado o tema final».

 

O videoclip de “Yalah” combina planos de paisaxes galegas con ilustracións animadas de elementos da natureza e tamén dalgúns instrumentos que escoitamos no tema. Como xurdiu a idea tras del?

Aldara: «Vimos en Instagram un vídeo que Coral Piñeiro fixera para Su Garrido e encantounos, mesturando unha ilustración súa dunha pandeireta cun vídeo ao vivo de Su. Entón Manu, que a coñecía, contactou con ela para que se encargase do noso primeiro videoclip e así foi!».

Hadrián: «Si, o videoclip pasou polas mans do seu equipo de traballo, entre os que se atopa Fran Rodríguez, o rapaz que se encarga de realizar as visuais nos nosos directos de agora».

 

 

 

En “Yalah” escoitamos moito das «músicas do deserto», do Magreb, con retrousos cíclicos dos que dificilmente podes saír; en “Xustillo”, ecos de cadencias latinoamericanas. Que teñen de particular estes ritmos para fusionalos coas nosas letras e músicas? Algunha conexión sonora en particular?

Hadrián: «“Xustillo” é unha clara alusión ás alturas, de como pode encaixar á perfección a música da cordilleira andina e un canto de fiada da montaña de Ordes. A unión entre o traballo manual e a música como xeito de soportalo tamén forman nexos de unión neste sentido».

Aldara: «“Yalah” foi unha composición do grupo, tanto a nivel musical como de letra, e ten moito que ver coa música que escoitamos. Manu é fan do rock do deserto e un día ensinounos esta idea que tivera. Encantounos. Metémoslle unha gaita, un retrouso que recorda aos máis tradicionais e unha letra ben galega».

Marta: «Realmente é un xeito de mostrar que outro tipo de ritmos e músicas doutros lugares, incluso moi afastados, non difiren tanto dos nosos».

 

O solo de gaita de “Vai” fai de intro a “Rubién”; e “Xustillo” remata cun «non fagho mazaroca» que enlaza, automaticamente, coa seguinte pista, “Mazaroca”, máis de medio minuto de instrumental. Como xurdiu o estruturalas deste xeito? Foron compostas xa con esa idea?

Marta: «Nun inicio foron pezas conxuntas, pero unha vez gravadas no estudio, comezamos a atoparlles relación entre elas e tamén con outras pezas que gravaramos, por iso decidimos separalas en tracks diferentes. Dese xeito adquiriron sentido tamén de modo individual».

Aldara: «“Vai” nace da necesidade de darlle protagonismo a ese preludio tan característico da música tradicional instrumental que tan ben toca o noso gaiteiro favorito, Adrián Méndez. A modo de carta de presentación, pareceunos que evocaba e daba voz a todos eses gaiteiros da montaña fonsagradina».

Hadrián: «En cambio, “Xustillo” e “Mazaroca” xurdiron ligadas pola letra, mais xa desde un comezo se concibiran como dúas pistas distintas. Na primeira peza faise referencia ao traballo do liño (unha alegoría aos saberes dos nosos maiores) e remata con esa alusión á mazaroca (ao liño xa enrolado no fuso listo para levar ao tear), unha clara referencia á transmisión interxeracional resolta e lista para seguir co ciclo».

 

Ademais desas dúas pistas curtiñas sen letra, Aquí presenta un merengue instrumental en “Mallao”. De que depende de que unhas cancións leven letra e outras non?

Marta: «Realmente tentamos priorizar pezas con letra, pero é certo que temos moito contido instrumental do que beber que tamén ten unha gran riqueza, por iso decidimos tirar un pouquiño del».

Hadrián: «Tamén depende un pouco do azar. Cando nos chega unha nova proposta de tema e acaba por consolidarse e enchernos á hora de tocala, acaba no repertorio indistintamente de se é cantada ou non».

 

 

Respecto á parte vocal, ao longo do disco escoitamos o protagonismo das voces moi repartido, é dicir, non hai voz principal. De que xeito as xestionades para acadar tal harmonía?

Aldara: «Para moita xente a personalidade dun grupo vén dada pola voz cantante, pero tamén nos parece interesante aproveitar a variedade tímbrica que hai nas voces de De Ninghures. Ademais, repartimos o protagonismo entre as voces tan diferentes que hai no grupo».

Hadrián: «A verdade é que foi algo natural para parte do grupo, acostumado a cantar en ruadas dun xeito comunitario. Evidentemente, hai un traballo de adecuación e harmonización das voces, pero nunca supuxo un problema, como tampouco lles supuxo durante décadas ás vellas pandeireteiras».

 

Para “Puñal” contastes con Teresa dos Cucos, coñecida tamén como Teresa de Puñal «de Mens pr’alá», informante deste tema en concreto. Poderiades afondar como medran as cancións que nacen das recollidas?

Hadrián: «Medran do mesmo xeito que medraron na propia Teresa cando aprendeu as cantigas da súa nai e das veciñas que tocaban nas ruadas da volta. Por cada xeración que pasa unha canción vai collendo algo novo e así é como facemos que pervivan».

 

 

Ao fío, cada vez fálase máis de todas estas persoas, principalmente mulleres, que axudan a manter as raíces da nosa música. É isto suficiente para que a xente se decate da importancia vital que tiveron na conservación do noso patrimonio musical?

Aldara: «É importantísimo que se lle dea o crédito que merecen a todas as persoas que axudaron a manter con vida o noso patrimonio musical. É unha tarefa moi infravalorada e, se lle sumamos que a maioría das informantes foron mulleres, caen dobremente no esquecemento. Hai que falar delas, pero tamén hai que recoñecer o seu importante labor a máis niveis».

Marta: «Exacto. É un paso moi importante, pero se logo non se leva á práctica dando espazo ás artistas en festivais, medios, etc, non serve de nada».

 

Respecto ás pezas baseadas nas recollidas, hai algunha delas que vos chamase especialmente a atención, algunha historia que gardedes con agarimo en relación a elas?

Aldara: «Eu penso que “Arrolo” e “Puñal” son os que máis aprecio e historia teñen para nós por así dicilo, non?».

Marta: «Si, e máis que chamar a atención, todo reside nas persoas que nolas ensinaron: Ramón do Serrador, que foi membro do grupo, e Teresa, polo agarimo que lle gardamos».

Hadrián: «De feito, o último concerto que demos antes da pandemia, na foliada da A.C. Carcaxía, cantou ese tema con nós; foi un momento moi especial».

 

 

Durante o confinamento escoitamos a vosa “Ézaro” máis caseira. Que efectos secundarios, positivos ou negativos, deixou a COVID-19 en De Ninghures e no disco?

Marta: «Eu penso que foi un empurrón encuberto. Como xa mencionamos antes, foron os dous anos de parón pola pandemia os que nos levaron a tomar a decisión de gravar o noso disco. Non sabiamos moi ben se ía ser un disco de despedida ou de benvida, pero collémolo con tanta ilusión que foi claramente un paso adiante para o grupo».

Hadrián: «Digamos que tamén nos “favoreceu” a situación de pandemia e illamento para recargar pilas e reformular unha nova proposta que continuase o traballo feito antes da pandemia. Foron meses para que cada membro do grupo lle dese aos miolos e poder plasmar unha imaxe renovada posteriormente no CD».

Aldara: «E, por que non dicilo, marchamos de Erasmus catro integrantes e ao volver tiñamos máis ganas que nunca de xuntarnos e seguir adiante co proxecto».

 

 

 

 

Xa o vimos coa do primeiro sinxelo adianto —aquel “Mallao” envolto por un Frigopie, o xeado máis popular dos oitenta e noventa— e nos dous seguintes, pero é que a portada do disco, asinada por Laura Mahía, é unha absoluta volta á infancia (milenial): o Meu Pequeno Poni, gogos, a man tola... Por que esta regresión? Que representa? Traballastes man a man coa ilustradora ou tivo total liberdade creativa?

Hadrián: «Todas as integrantes somos nadas a finais dos noventa e afondar na raíz para facer música tamén é volver á nosa nenez e revisar todas aquelas achegas e influencias que tivemos e que hoxe nos fan ser quen somos e como nos expresarnos».

Aldara: «Por iso as referencias deste disco vense na música, pero tamén na parte gráfica. Escoitamos moito Berrogüeto de pequenos mentres xogabamos cos Pokémon, e todo iso vai formando parte da nosa personalidade e acaba recolléndose nas ideas creativas dunha persoa».

Marta: «Pretendemos romper un pouco con todo, e un dos puntos é o deseño. Penso que non é para nada habitual que detrás desa portada e desas ilustracións se atope un grupo de folk, e iso gústanos. O estilo de Laura gustounos, pareceunos que ten unha forma moi orixinal de representar o cotián».

 

Aquí foi gravado, mesturado e masterizado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios (Friol). Como lembrades a gravación en xornadas consecutivas? E traballar cun produtor do seu talle? Que aprendizaxes levastes no peto?

Marta: «Eu penso que todos nós o afrontamos con moitísima ilusión. Si é verdade que había nervios e medo: só tiñamos cinco días para gravar, as dificultades que sabiamos que podiamos atopar ao contar con tantos instrumentos... Foi todo un reto experimental, pero contar cun profesional con Arturo foi de gran axuda».

Aldara: «Nos meses antes da gravación fixemos un traballo de preparación para o estudio. Foron moitas horas gravando maquetas, fins de semana ocupadas con ensaios por seccións para estar preparados para o momento de entrar no estudio. Para min, en canto puxemos un pé dentro, xa comezamos a ver os resultados do noso traballo».

Hadrián: «Para min foi toda unha aprendizaxe e unha honra poder gravar no estudo de Arturo. Fíxoo todo moi doado e tivo sempre en conta todas as nosas propostas, mais tamén nos deu mil e un consellos para que hoxe teñamos o disco que temos».

 

 

Ademais de estar dispoñible nas principais plataformas dixitais, o disco pódese atopar tamén en CD en varios comercios locais. Actualmente, o consumo de música en streaming non fai máis que aumentar, por que seguir a apostar polo formato físico (aínda que veña anunciado por Charmander cunha frauta!)?

Marta: «Ningún de nós espera que a venda de discos sexa algo esencial no grupo, pero ter un disco físico e que a xente teña algo noso tanxible é moi emocionante, e mais cando é o noso primeiro traballo serio».

Aldara: «Que o resultado de anos de traballo se poida tocar, agarrar, acariciar... é moi satisfactorio. Tamén adaptamos o deseño visual para o formato físico e incluímos un póster coa portada dentro da caixa do CD. Para facerse con el, xa sabedes...!».

Hadrián: «E tamén consideramos que o feito de ter a nosa música en formato físico é unha boa oportunidade para distribuíla por diferentes puntos da nosa xeografía, confiando no comercio de proximidade e facendo unha simbiose á marxe do consumo de masas».

 

Vós, De Ninghures, o disco Aquí... pero subides ou baixades? Problemas co GPS?

Hadrián: «Pois eu vouna responder á galega! Somos de todos os lados e de ningún.

Marta: «[Risos] A verdade e que ser somos ben atravesados. Tivemos moitas propostas para o nome do disco, pero “aquí” pareceunos claro, conciso e directo. Vamos, todo o que nós non somos».

Aldara: «Vivimos nun mundo no que ves unha película coreana e despois saes á rúa escoitando a Bad Gyal e pode dar a sensación de que es un pouco de todos lados e, ao mesmo tempo, non acabas de identificarte con ningún deles. Nós facemos música con conciencia e consciencia galega, cos pés chantados no país e os brazos abertos ao que veña, podemos dicir que é de “aquí”».

 

De Ninghures con Oîma na sala Malatesta. Foto © Aitor Ramos Soto

 

A principios de outubro subiades ás táboas da Sala Malatesta (Santiago de Compostela) nunha actuación compartida con OÎMA. Como foi esa volta aos escenarios tendo en conta que, mentres vós presentabades o voso primeiro disco, OÎMA despedíase logo de sete anos de andaina?

Marta: «Para min uns nervios tremendos mesturados con moitísima ilusión. Non sabiamos se ía saír ben, mal, se ía gustar ou non; o normal cando presentas un disco, supoño. Pero a verdade é que a resposta da xente foi incrible, coido que o mellor do concerto. Iso foi o que nos fixo pasalo ben no escenario e sentirnos cómodos, supoño que o esencial para que saísen ben as cousas».

Aldara: «Os nervios estaban aí, pero compartir coas OÎMA toda a preparación do concerto e pasar con elas ese día enteiro axudou bastante a liberar tensións. Xuntar forzas para ese día foi todo un acerto e rematar o concerto cunha colaboración foi o ramo final dese día, que penso que ningún de nós esquecerá nunca. Fixéronse pogos no público, non digo máis...».

Hadrián: «Foi unha ruada fresca e frenética, que eu agardaba como auga de maio e que nunca esquecerei vendo como chegabamos a folquies, mais tamén a xente allea ao mundo tradi que bailou como nunca cos nosos temas».

 

 

E logo veu o San Froilán! Xa que estamos enriba das táboas, que pode agardar o público dun concerto de De Ninghures? Porque seica se pode desfrutar ao vivo dun espectáculo de baile e dunha proposta visual...

Hadrián: «A nosa proposta ten moita música, mais tamén bailes; somos firmes defensores de que o baile non vive sen a música e viceversa. Temos a inmensa sorte de poder darlle outra vía de escape aos nosos temas coas visuais do gran Fran Rodríguez».

Marta: «A verdade é que ter tan bo bailador no grupo e contar cunhas visuais como as de Fran nos concertos é algo moi especial que, na miña opinión, completa moi ben a música».

 

Nas festas de San Froilán. Foto © San Froilán

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Aldara: «Seguramente non vos descubramos ningún, pero algúns que se nos veñen á cabeza son Saya, Faia, Candorka Trío, Fillas de Cassandra, Abril, Copa Turbo...».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Hadrián: «Pois unha mestura ben curiosa! Desde música electrónica, música bretoa e mesmo dos Balcáns, mais evidentemente moito folk galego».

Aldara: «Hadrián é o típico amigo co que non queres ir no coche porque sabes que vai poñer música rara... Bromas á parte, no grupo hai unha mestura curiosa de gustos musicais. Eu escoito moito pop de artistas como Kora, La Plata ou Coldplay, pero no meu Spotify tamén soa moitas veces Rosalía, Nathy Peluso, Ortiga ou Tame Impala. E, por suposto, a música folk e tradicional ocupa unha parte importante das miñas playlists con Caldo, Os d’Abaixo, Caamaño&Ameixeiras, Tanxugueiras, Aliboria ou Berrogüeto».

Marta: «Eu voume máis a artistas brasileiras como Maria Gadú ou Baiana System; tamén música pop, alternativa ou indie, tradi por suposto... a verdade non podo dicir unha liña clara. Considero que cada momento pide un tipo de música e todas (ou case todas) teñen a súa riqueza».

 

  noticias